Actividades ambientais na praia de Gandarío dentro do programa Bandeira Azul

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Concello

O Concello de Bergondo organiza a próxima semana un programa de actividades de educación e sensibilización ambiental na praia de Gandarío centradas nos impactos ambientais que sofren as nosas praias e na importancia da súa conservación.

O programa de actividades de sensibilización e educación ambiental que levará adiante este ano 2026 o Concello de Bergondo na praia de Gandarío desenvolverase os días 4, 5 e 6 de agosto en horario de mañá (de 11.30 a 13.30) e de tarde (de 16.30 a 18.30) e durante as mesmas, guiadas por dous  educadores ambientais, daranse a coñecer os problemas ambientais dos nosos areais e o noso litoral e se afondará nas Boas prácticas ambientais que cada un de nós pode cumprir, para poder axudar a Coidar os nosos areais e praias.

A praia de Gandarío está galardoada co distintivo de Bandeira Azul e, por sétimo ano consecutivo, un certificado de calidade que distingue aos mellores areais de toda España.

Bandeira Azul é un galardón ambiental concedido a aqueles municipios, portos deportivos e embarcacións turísticas sustentables, que realizan un especial esforzo na xestión do litoral.

A Bandeira Azul foi creada pola Fundación para a Educación Ambiental (FEE), unha entidade que está constituída por unha organización non gobernamental ambiental en cada unha das máis de 73 nacións participantes.

A Bandeira Azul é un galardón ambiental que se  concede a aqueles municipios que realizan un especial esforzo na xestión das súas praias, nas que promoven o mantemento da calidade das súas augas, a limpeza e a seguridade, a educación ambiental e a acción colectiva na procura da conservación do litoral.