Aberto o prazo para os Orzamentos Participativos 2024

  • Categoría da entrada:Concello

Un ano máis, o Concello de Bergondo volverá contar cuns orzamentos participativos, que alcanzan xa a sexta edición, e faino repetindo o formato iniciado o ano pasado, destinando un máximo de 100.000 euros para financiar a mellor das propostas recibidas.

Con este sistema o goberno local busca ampliar o abanico e que os veciños e veciñas de Bergondo teñan a posibilidade de presentar proxectos máis ambiciosos. “Vimos que é máis produtivo que se leve a cabo un só proceso, pero que teña relevancia, a escoller moitos pero pequenos”, explican desde o goberno local.

Os requisitos principais para a admisión de propostas, ademais de estar empadroado ou residir en Bergondo, son: que sexan viables, que a súa execución dependa do Concello e non doutras administracións, e que teñan un interese xeral ou parroquial. “Queremos que os veciños e veciñas de Bergondo participen no seu desenvolvemento, por iso é primordial evitar as propostas que só resolvan unha necesidade ou demanda moi particular”, inciden.

De todos os xeitos, outro tipo de propostas que poidan ser interesantes pero que non se adapten a este proceso teranse en conta para incluílas noutros paquetes de investimento ou en solicitudes de subvención a outras administracións.

O prazo para presentar propostas xa está aberto

As persoas interesadas en participar poden enviar ata o 31 de outubro as súas propostas. Para iso distribuíuse un formulario cos datos necesarios a cubrir que pode ser entregado no Rexistro, a través da sede electrónica, nas caixas de correos dos centros sociais de cada parroquia ou por correo electrónico a correo@bergondo.gal.

Despois, recompilaranse todas as propostas e escollerase unha de entre as viables que se axusten aos requisitos de participación e ao orzamento de 100.000 euros destinado para este fin. O resultado publicarase o 8 de novembro na web e nas redes sociais municipais.

Ademais, premiarase ás mellores propostas con bonos para gastar no comercio local. Así, a proposta elixida levará un vale de 100 euros e as seguintes 10 mellores un de 30 euros cada unha.

DESCARGA O FOLLETO CO FORMULARIO