O Concello de Bergondo elixiu como as opcións máis viables dentro do proceso de orzamentos participativos para 2027 a instalación dun panel informativo tipo LED e a construción dun circuíto de Pump Track.
Foron seleccionadas entre as 52 opcións presentadas e incorporaranse así ás partidas do orzamento municipal para o exercicio 2027. As mellores propostas teñen premio en forma de bonos para gastar no comercio local. No caso da gañadora, recibirá un vale de 100 euros. As outras 6 persoas participantes levan un vale de 50 euros cada unha.
A proposta gañadora, presentada por Juana Elisa Montaos Martínez, foi a instalación dun panel informativo tipo LED. Proximamente decidirase o lugar idóneo para colocalo e empregarase para publicar información de servizo para a cidadanía.
Dado que se estima que a iniciativa gañadora non completará o orzamento destinado a este proceso de Orzamentos Participativos, de 100.000 euros, o goberno local decidiu executar a proposta seleccionada en segundo lugar, presentada por Silvia Roel Tosende: a creación dunha pista de Pump Track. Neste caso, será necesario un investimento económico maior por parte do Concello para poder completar o orzamento.
A relación de gañadores restantes é a seguinte:
- Ayás Cantador Vázquez: renovación do parque de Moruxo. A actuación proposta, que implica a renovación de diferentes elementos do parque, executarase a pesar de non ser gañadora por ser unha actuación de baixo importe.
- Damián Senin Aller: mellora da ruta de sendeirismo Cambade-Sada. O Concello, baseándose nesta idea, considera a continuación do paseo fluvial do río Maior para chegar ata o límite con Sada. Polo momento non existe dispoñibilidade dos terreos.
- Esther Zapatero de la Cuesta: mellora da praza de O Caño. O Concello considérana unha boa proposta pero xa ten un orzamento en redacción para levar a cabo a mellora deste espazo.
- Ángel Baamonde Martínez: acceso á praia de Gandarío, en A Lagoa. Consiste en mellorar as escaleiras que hai preto da marquesiña de autobús pola que se accede ao areal e, ademais, construír unha rampla para facelo máis accesible. Considérase unha boa idea pero non hai dispoñibilidade de terreos actualmente.
- Álvaro Muras Hermida: humanizar a contorna da igrexa de Ouces. Consiste en executar unha zona de paso seguro para os peóns e diversas melloras. Terase en conta para futuras accións.
Entre o resto de propostas presentadas atópanse ideas que o goberno local tamén considera interesantes pero que non se adaptaban a este proceso ou que se terán en conta para incluílas noutros paquetes de investimento ou en solicitudes de subvención a outras administracións.
Sinalan que este mecanismo “sempre é unha boa fonte de ideas e por iso lle damos continuidade. A veciñanza aporta puntos de vista moi interesantes e dende o nós queremos escoitar propostas que redunden no ben de Bergondo”.
A cidadanía decide
Un ano máis, o Concello de Bergondo volve contar cuns orzamentos participativos, que alcanzan xa a sétima edición. Do mesmo xeito que en anos anteriores, reserva un máximo de 100.000 euros para financiar a mellor das propostas recibidas.
Con este sistema o goberno local busca dar voz aos veciños e veciñas de Bergondo e que estes propoñan as súas ideas para mellorar o municipio.
Os requisitos principais para a admisión de propostas, ademais de estar empadroado ou residir en Bergondo, eran: que fosen viables, que a súa execución dependese do Concello e non doutras administracións, e que tivesen un interese xeral ou parroquial.