A ética como soporte da intervención social

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Concello / Social

cartaz xornadas CEIS_7novembro

O CEIS As Mariñas organiza unha xornada de reflexión o 7 de novembro en Abegondo.
Bergondo, outubro de 2025.—

O Comité de Ética en Intervención Social (CEIS) do Consorcio As Mariñas celebrará o vindeiro 7 de
novembro a xornada “A ética como soporte da intervención social”, un encontro destinado a persoas
usuarias, profesionais, entidades e administracións que traballan no ámbito dos servizos sociais. O evento
terá lugar na Finca Os Loureiros (Penela, 12 – Abegondo).
O encontro pretende ser un espazo de reflexión compartida e deliberación ética, abordando cuestións
clave da práctica profesional e institucional: os problemas éticos no traballo social, o papel da
comunidade como axente activo e a incorporación das voces das persoas usuarias nos procesos de
intervención.
A xornada será inaugurada por José Antonio Santiso Miramontes, presidente do Consorcio As Mariñas,
e María Barral Varela, representante política do Plan Coordinador de Servizos Sociais. A continuación,
celebrarase a primeira mesa de debate, titulada “Os retos da sociedade actual: a resposta da ética”, coa
intervención de Juana Aza Gutiérrez, vicepresidenta do CEIS de Biscaia, moderada por Serezabel
Rodríguez, presidenta do CEIS As Mariñas.
O programa inclúe tamén as mesas “O enfoque comunitario nos servizos sociais: a comunidade como
axente chave”, a cargo de Ana Vilar, vicepresidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, e
“A deliberación dos problemas éticos”, onde se presentará oficialmente o Comité de Ética en
Intervención Social das Mariñas, único e pioneiro en Galicia.
Segundo destacou Serezabel Rodríguez, presidenta do CEIS As Mariñas, “a ética non é un complemento,
senón o soporte da intervención social; é o que nos permite actuar con humanidade, responsabilidade e
respecto polos dereitos das persoas”.
O CEIS As Mariñas leva seis anos de traxectoria como espazo de acompañamento e asesoramento a
profesionais e entidades, promovendo unha cultura ética sólida no territorio. A súa labor abrangue desde a
formación e a orientación de equipos ata a participación en congresos e redes estatais de ética aplicada aos
servizos sociais.
A participación na xornada é gratuita, previa inscrición antes do 31 de outubro a través do formulario
dispoñible en liña: 👉 Formulario de inscrición

Data: 7 de novembro de 2025
Lugar: Finca Os Loureiros, Penela 12 – Abegondo
Organiza: Comité de Ética en Intervención Social (CEIS) do Consorcio As Mariñas
Comité de Ética en Intervención Social As Mariñas
ceisasmarinas@consorcioam.org | https://www.consorcioam.org/es/ssss/#ceis