
O Concello de Bergondo escolleu como opción máis viable dentro do proceso dos orzamentos participativos para 2026 a creación dun paso seguro para peóns no entorno da costa de subida da praia de Gandarío ao aparcadoiro.
A proposta, presentada por María Victoria González Molares, foi seleccionada entre as 24 opcións viables e incorporarase así nas partidas do orzamento municipal para o exercicio 2026.
As mellores propostas levan premio en forma de bonos para gastar no comercio local. A gañadora recibirá un vale de 100 euros, mentres que as outras seis persoas participantes premiadas levarán un vale de 50 euros cada unha.
Relación de persoas premiadas
María Victoria González Molares: camiño seguro para nenos, deportistas e paseantes (na subida da praia de Gandarío ao aparcadoiro).
José Ramón Togores Hernani: bibliotecas libres de rúa (instalación de puntos de intercambio de libros).
Sheila García Suárez: columpios e tobogán para o parque de Moruxo (había cinco propostas idénticas, pero por orde de entrada esta foi a primeira).
Rebeca Fernández Pérez: área de autocaravanas (habilitar unha zona con servizos para a pernocta de autocaravanas).
Esther Vidal Zapatero: sendeiro e carril bici de Carrio ao Mosteiro de San Salvador de Bergondo.
Álvaro Muras Hermida: pasos de peóns iluminados para aumentar a seguridade.
Noelia Fernández Ventureira: recuperación do Castro de San Fiz.
Entre as propostas presentadas había ideas que o goberno local considera interesantes, aínda que non se axustaban a este proceso, e que se terán en conta para incluílas noutros plans de investimento ou en solicitudes de subvencións a outras administracións.
Desde o goberno local destacan que este mecanismo “funciona moi ben nos últimos anos e por iso queremos darlle continuidade. A veciñanza achega puntos de vista moi interesantes e dende o goberno municipal sempre estamos dispostos a escoitar propostas que redunden no ben de Bergondo”.
A cidadanía decide
Un ano máis, o Concello de Bergondo volve contar cun proceso de orzamentos participativos, que xa alcanza a súa sétima edición. Do mesmo xeito que en anos anteriores, resérvase un máximo de 100.000 euros para financiar a mellor das propostas recibidas.
Con este sistema, o goberno local busca dar voz á veciñanza de Bergondo, para que propoña ideas que contribúan a mellorar o municipio.
Os requisitos principais para a admisión das propostas, ademais de estar empadroado ou residir en Bergondo, eran:
que fosen viables, que a súa execución dependese do Concello e non doutras administracións, e que tivesen un interese xeral ou parroquial.