A bergondesa Fina Paulos recibe en Madrid un premio nacional por fomentar a competencia dixital nas aulas

A profesora e veciña de Bergondo, Fina Paulos Lareo, foi galardoada en Madrid nos “I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan a Competencia Dixital do Alumnado”, uns galardóns de ámbito estatal convocados polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Fina Paulos logrou este importante recoñecemento na modalidade colectiva xunto ao seu compañeiro Óscar Manuel Rey Calo, con quen imparte docencia no IES Maximino Romero de Lema, en Baio (Zas). O premio distingue unha innovadora proposta pedagóxica desenvolvida por ambos que exporta un Recurso Educativo Aberto centrado no Río Miño. Este traballo destaca pola súa decidida aposta pola gamificación, a Intelixencia Artificial, a realidade aumentada e a aprendizaxe colaborativa, logrando achegar as novas tecnoloxías de forma práctica ao contorno rural.

Durante o acto de entrega celebrado na capital, Fina Paulos e os seus compañeiros de galardón (entre os que tamén se atopaba a docente Lorena Cerdeiro na modalidade individual) destacaron o valor do ensino público fóra dos grandes núcleos urbanos. «Dende centros rurais como os de Zas, podemos liderar a vangarda educativa apostando por redes colaborativas, coñecemento compartido e metodoloxías como a aprendizaxe por proxectos ou orientada ó servizo social co alumnado no centro», subliñaron.

Así mesmo, os premiados aproveitaron a ocasión para agradecer a implicación e o apoio constante tanto das familias como do alumnado que participou no desenvolvemento destes proxectos.

Tras recoller o premio estatal, Fina Paulos mantén firme o seu compromiso de seguir impulsando desde as aulas experiencias educativas que logren fusionar tecnoloxía, creatividade e vínculo territorial, contribuíndo así a ampliar as oportunidades de futuro dos seus alumnos e alumnas.