Alejandra Pérez Máquez visitou, xunto con familiares do bergondés asasinado na fuga do forte de San Cristóbal en maio do 38, o núcleo de Leranotz, o máis próximo á fosa na que se atopou o cadáver do xove represaliado polas tropas franquistas.
A visita estivo cargada de emotividade, pois os veciños e veciñas desta pequena localidade do Concello de Esteríbar mantiveron a zona accesible durante anos, sendo un deles o que a situou con precisión antes de ser descuberta.
A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, desprazouse o pasado fin de semana a Navarra, concretamente ao núcleo de Leranotz, no municipio de Esteríbar, para acompañar á familia de Gerardo Gómez Lorenzo, o bergondés asasinado na fuga do forte de San Cristóbal en maio de 1938. Concretamente, a comitiva bergondesa estaba formada pola rexedora e Julio Suárez e o seu fillo Diego, familiares do xove executado neste pequeno núcleo navarro polas forzas franquistas despois de participar na maior fuga carceraria da historia de España.
Á súa chegada, o pasado domingo 13 de setembro, visitaron Leranotz, onde FORON recibidos por unha comitiva de veciños desta localidade para visitar a fosa na que foi atopado Gerardo. Pérez Máquez e os Suárez agradecéronlle aos veciños que “non deixasen morrer a historia e mantivesen limpo o lugar”.
A implicación dos veciños na identificación de Gerardo foi clave, pois foi un deles, xa falecido, o que indicou o lugar exacto no que se atopaba a fosa. Ademais, durante anos mantiveron o lugar —que se atopa nos montes próximos á localidade— accesible e identificable, honrando a memoria dos alí asasinados. Ocorreu tamén un entrañable momento con outra veciña, que explicou como a súa avoa lle contaba que nas datas da fuxida lembraba harlle dado de cea “a dous galegos moi guapos”. Refírese tanto a Gerardo como a Jesús Esteban Lorenzo, cuxos restos tamén foron identificados recentemente noutra fosa próxima.
Sumado aos traballos dos veciños, houbo outras iniciativas que mantiveron a memoria dos represaliados. Unha delas é a guía topográfica GR-225, de Javier Rey Bacaicoa. Este libro inclúe mapas detallados, fotografías e descricións das 4 etapas dun camiño histórico desde o forte de San Cristóbal ata a localidade de Urepel, xa en Francia, que segue os pasos das persoas que participaron na fuga de maio do 38.
Da comitiva de recepción tamén formaba parte o historiador Fermín Ezkieta, figura clave en todo este proceso. O ano pasado, Ezkieta ofreceu unha conferencia na Senra falando sobre este feito histórico, o que permitiu unir os puntos do árbore xenealóxica de Gerardo ata a súa familia en Arxentina. Unha vez identificados, púdose confirmar, a través dun estudo xenético, que ciertamente a persoa que aparecera na fosa de Leranotz era Gerardo Gómez Lorenzo.
Acto de entrega dos restos aos familiares
Xa o luns, celebrouse un acto no recén inaugurado ‘Rozalejo, Espazo de Memoria e Convivencia’ do casco antigo da capital navarra, no que a vicepresidenta segunda do Goberno de Navarra e conselleira de Memoria e Convivencia, Acción Exterior e Euskera, Ana Ollo, entregou aos familiares dos dous represaliados os seus restos para que poidan descansar en paz. Ademais dos familiares, tamén había representantes parlamentarios e da Comisión Técnica de Coordinación en materia de Memoria Histórica; membros das asociacións memorialistas; dos equipos técnicos da Sociedade de Ciencias Aranzadi e do laboratorio de Nasertic; así como do Instituto Navarro da Memoria e da Dirección Xeral de Memoria e Convivencia do Goberno de Navarra.
As familias mostraron as emocións contradictorias que puideron experimentar: a alegría da identificación e a dor e a pena por que neste momento non puideron participar familiares que pasaron as súas vidas preguntándose polo seu paradoiro, así como a inxustiza que padecera.
Posteriormente as persoas asistentes participaron nunha visita á exposición ‘Os obxectos da memoria’, que presenta e contextualiza a través de paneis informativos distintos obxectos recuperados nas exhumacións realizadas na Comunidade Foral. Dáse a circunstancia que un dos obxectos é un anel coas iniciais G G, que se recuperou en Leranotz, xunto ao corpo de Gerardo Gómez, e que tamén foi meirande na súa identificación.
Agradecementos e máis investigación
Alejandra Pérez Máquez expresa o seu máis sincero agradecemento “a todas as persoas que achegaron o seu grañito de area para que a familia de Gerardo Gómez Lorenzo poida recibir os restos do seu familiar”. Menciona ao goberno navarro, á Sociedade de Ciencias Aranzadi, ao laboratorio Nasertic, ao Instituto Navarro da Memoria, á Comisión Técnica de Coordinación en Materia de Memoria Histórica, ás asociacións memorialistas e, de forma moi especial, aos veciños e veciñas de Leranotz e a Fermín Ezkieta.
A alcaldesa enfatiza na “necesidade de seguir investigando os feitos ocorridos non só nesta fuga, senón durante toda a etapa franquista, porque as familias de todas as persoas asasinadas e desaparecidas merecen vivir coa satisfacción de ter podido atopar aos seus seres queridos e darlles un lugar digno para descansar”.
Esta cuestión “é moi relevante” para a rexedora bergondesa, e, para argumentar a súa postura, utiliza os datos relacionados coa fuga de San Cristóbal. A día de hoxe, son 53 os corpos devoltos polo Goberno de Navarra aos seus familiares tras a súa exhumación e identificación. Cómpre sinalar que ata a data abríronse 444 expedientes de persoas represaliadas na zona, “o que representa unha porcentaxe moi pequena, polo que sabemos que queda moito traballo por facer, malia todas as dificultades que estes traballos supoñen despois de tantos anos”.
Quen era Gerardo Gómez Lorenzo
Gerardo Gómez Lorenzo naceu en Bergondo o 24 de setembro de 1916, estaba solteiro e era carpinteiro de profesión. Ingresou no Forte o 14 de xuño de 1937, onde permaneceu ata a data da fuga. O seu corpo foi exhumado o 22 de maio de 2018 en Leranotz (Esteríbar), no día no que se cumprían 80 anos da fuga. Agora que os restos de Gerardo foron entregados a Julio Suárez, serán enterrados en Bergondo xunto á súa familia nun acto privado.








