
O Concello de Bergondo organiza, o sábado 26 de abril, a segunda edición do ‘Día do deporte en Bergondo’, unha xornada na que veciños e veciñas poderán probar case unha gran variedade disciplinas e asistir a diferentes exhibicións dos clubs participantes.
O Albergue de Gandarío de Bergondo será o lugar no que se desenvolverá esta iniciativa, que xa foi un éxito na súa primeira edición. Ás 12:00 horas abriranse as portas, con exhibicións dos clubs e entidades participantes: Club Atlético Bergondo, Skapaos de Bergondo, Ausarta Bergondo, CBM Oleiros, Club Salvamento Sada e o APA “As Mariñas” do CPI Cruz do Sar.
Todos e todas aqueles que se animen a participar, ademais de asistir ás exhibicións, poderán probar ata 13 disciplinas deportivas: escalada, tiro con arco, triciclos, parkour e skate, voley, tenis, bádminton, florball, kin-ball, goal-ball, minigolf, kaiak e diferentes xogos populares.
O horario será de 12:00 a 14:00 e de 15:30 a 18:00 horas. No espazo de descanso, de 14:00 a 15:30 horas, repartiranse callos, pizza e froita, para o que haberá que recoller ticket na Casa da Cultura do 7 ao 11 de abril en horario de 9:30 a 14:30 horas. Tamén se poderá levar comida ás zonas habilitadas do albergue de Gandarío.
As persoas que recollan o ticket de comida xa terán que cubrir nese momento a inscrición para a actividade pero tamén existe a posibilidade de inscribirse o mesmo día no espazo situado a tal fin, cubrindo a solicitude de participación. Como dato a ter en conta, todos os menores de 14 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta responsable do menor ou a menor.
Para desenvolver esta iniciativa, colaboran o CBM Oleiros; o Club Salvamento Sada; o Club Rítmica Ausarta; o Club Ciclista Skapaos; a Asociación Cultural, Recreativa e Deportiva de Boxing As Mariñas; o Club Atlético Bergondo; a APA “As Mariñas” do CPI Cruz do Sar e Protección Civil de Bergondo.