concello de BERGONDO - Xoia das Mari�as

Noticia

A+ A- Impresora - Imprimir Correo - Enviar

« Volver al listado

08 de April, 2021

Bergondo apoia proxectos na India e Centroamérica

Bergondo, a través do Fondo Galego, cofinancia catro proxectos de ONGD galegas en Centroamérica e na India

- A Fundación Vicente Ferrer, Amigos da Terra, Solidariedade Internacional e Agareso impulsarán accións en materia de vivenda, pesca, educación e xénero.
- A asociación de concellos e deputacións tamén aprobou o Plan de Actividades 2021 na Asemblea Xeral celebrada hoxe coincidindo co Día Mundial da Saúde.

Berogndo, 7 de abril de 2021.

O Concello de Bergondo, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, cofinanciará cun total de 99.813 euros catro proxectos de ONGD galegas na India, Nicaragua, El Salvador e Guatemala. A Asemblea Xeral da asociación de concellos e deputacións resolveu esta mañá a convocatoria de axudas, á que se presentaron doce propostas centradas en dez países. No encontro virtual, que se celebrou coincidindo co Día Mundial da Saúde, tamén se fixo balance dun 2020 marcado pola pandemia e aprobouse por unanimidade o Plan de Actividades para este ano.

En canto ás accións subvencionadas ás ONGD, o presidente do Fondo Galego e alcalde do Concello de Nigrán, Juan González, explicou que se apoiará con 25.000 euros a intervención da Fundación Vicente Ferrer para facer efectivo o dereito á vivenda e ao saneamento de 34 familias rurais no distrito indio de Kurnool. A mesma contía recibirá Amigos da Terra para fortalecer a capacidade produtiva e a participación en nove cooperativas pesqueiras nicaraguanas, co fin de mellorar a xestión pública no Departamento de Chinandega. De idéntico orzamento disporá Solidariedade Internacional de Galicia para mellorar a educación nas comunidades indíxenas Ch’orti’ de Guatemala, mentres que a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) obtén 24.813 euros para traballar con mulleres lideresas a prol da sustentabilidade ambiental en El Salvador.

Na xuntanza déuselle asemade luz verde ao Plan de Actividades e ao orzamento para 2021, que contempla proxectos de cooperación directa en Mozambique e Guinea-Bissau e mais unha reserva de fondos para axuda humanitaria. A área de sensibilización inclúe, así mesmo, as actividades do proxecto europeo ‘People & Planet’, no que o Fondo Galego participa canda entidades doutros oito países para concienciar á mocidade sobre as graves consecuencias do cambio climático, amais de reforzar aos gobernos locais na promoción da sustentabilidade ambiental. Co fin de acadar estes obxectivos, os municipios acollerán actividades de comunicación de guerrilla, performance, debuxo urbano, cociña, etc.

Por outra parte, renovarase a colaboración co Concello da Coruña para organizar o 4º Certame de murais arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ‘Muros que unen’. Do mesmo xeito, a través do convenio coa Xunta de Galicia apoiarase a catro municipios para elaboraren plans de implementación dos ODS e celebrarase unha nova edición do Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, amais dun ciclo de webinars protagonizado polos parceiros nos países do Sur e do curso online ‘Localizando a Axenda 2030’, que xa está en macha. A maiores, cinco concellos socios traballarán coa ONGD Solidariedade Internacional na promoción do comercio xusto, a compra pública ética e o consumo responsable, mediante accións como encontros informativos, obras de teatro ou feiras ao aire libre.

Noutra orde de cousas, a Asemblea Xeral deulle a benvida ao Concello de Carral, que se convirte no socio 102 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, mentres que o novo alcalde de Moraña, José Cela, se incorporou á Comisión Executiva como vogal, segundo explicou a tamén vogal e concelleira de Ames, Luísa Feijóo. A orde do día incluía tamén a aprobación das instrucións de contratación da asociación e mais do proceso para solicitar a declaración de utilidade pública.




O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 99 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.  

Arquivos:
210407_NP_asemblea_proxectos.pdf
mozambique20.jpg
asemblea_vogal.jpg
asemblea_pte.jpg

Concello de Bergondo - Estrada A Coruña, 12 15165 - Bergondo (A Coruña)
CIF P1500800F
Telf. 981 79 12 52 - Fax 981 79 42 33

Icono Accesibilidad AA - WAI Icono XHTML Icono CSS

Problemas técnicos?Aviso legalPolítica de privacidad