concello de BERGONDO - Xoia das Mari�as

Noticia

A+ A- Impresora - Imprimir Correo - Enviar

« Volver al listado

05 de octubre, 2020

‘Ave do Paraíso’, de Lorena Conde Martínez, gañador do I Concurso de Poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo



    • O xurado reuniuse onte na casa consistorial para deliberar entre os 52 orixinais que se recibiron.
    • A data do fallo tivo que adiarse debido ás condicións especiais orixinadas pola pandemia da COVID-19.
    • O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros e tamén se publicará o poemario gañador coa editorial Apiario.




O I Concurso de Poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo xa ten gañador: ‘Ave do Paraíso’, de Lorena Conde Martínez. Un poemario do que o xurado destacou “a súa potencia na construción do conxunto cun gran control no poema longo, a estrutura dramática do libro con presenza de voces variadas, múltiples referencias culturais e da tradición literaria e artística que se poden deducir na lectura deixando un pouso fresco na lectora”.

O xurado, presidido pola alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e conformado polas poetas Dores Tembrás, Yolanda Castaño e Susana Sánchez Aríns, reuniuse onte na casa consistorial para deliberar e emitir o fallo, un proceso que tivo que pospoñerse debido ás condicións especiais orixinadas pola pandemia da COVID-19. Recibíronse un total de 52 orixinais e o xurado destacou a alta participación e a calidade das pezas, que foron coordinadas por Apiario.

O acto de entrega do premio, que ten unha dotación económica de 2.000 euros e inclúe a publicación do poemario pola editorial Apiario nunha colección propia, terá lugar a finais de outubro. Realizarase unha tiraxe de 700 exemplares, quedando 200 destes a disposición do Concello de Bergondo para o seu uso.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, explicou que a través deste concurso “pretendíamos contribuír á difusión da lingua e a literatura galega á vez que rescatábamos do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento como a escritora e afervoada feminista galega Filomena Dato Muruais”.

A rexedora tamén quixo aproveitar para destacar “a calidade das pezas recibidas” e precisou que “queríamos facer un concurso literario serio, que estivese á altura dos que hai na provincia e que servise para continuar exaltando a figura de Filomena Dato vinculándoa co traballo de muller e igualdade que vimos facendo desde o Concello”.

Desde Apiario felicitaron “a todos os e as participantes, polas súas creacións e o seu esforzo. É unha mágoa que só poida quedar un pero agardamos que esta sexa a primeira de moitas citas dun certame que debe consolidarse para darlle un pulo á lingua e a creación do país, apostando polos nosos autores e e autoras”.

Ficheros:
ACTA_DO_XURADO.pdf
I_Certame_Filomena_Dato_2020.jpg
I_Certame_Filomena_Dato_2020_b.jpg

Ayuntamiento de Bergondo - Carretera A Coruña, 12 15165 - Bergondo (A Coruña)
CIF P1500800F
Telf. 981 79 12 52 - Fax 981 79 42 33

Icono Accesibilidad AA - WAI Icono XHTML Icono CSS

Problemas técnicos?Aviso legal