Inicio » #Áreas y Servicios » Cultura » A Senra
As orixes
En 1924 un grupo de emigrantes galegos naturais de Bergondo e residentes en Nova York acordaron constituír unha Asociación que se denominou “Centro de Instrucción y recreo de Bergondo y sus contornos”, rexistrada no Goberno Civil o 17 de decembro de 1926.
Inauguración da Senra, xullo de 1936
Para dar cumprimento ós seus fins de carácter instrutivo, cultural e deportivo, adquiriron a finca denominada “A Senra” de 9.135 m2. Posteriormente, coas achegas económicas dos seus socios e a colaboración desinteresada de moitos bergondeses, levantouse unha edificación dotada de semisoto de 260 m2, baixo de 669 m2 e primeira planta de 408 m2, complexo este que foi inaugurado o día 12 de Xullo de 1936.
A incautación
Trala sublevación militar contra a República o 18 de Xullo de 1936, o complexo foi ocupado por tropas militares franquistas, segundo consta nas actas da Sociedade de 4 de agosto e 12 de setembro de 1936.
Seguidamente abriuse un expediente pola Comisión Central de Bens Incautados e por decreto de 14 de xullo de 1937, acordouse a incautación do edificio e terreos anexos e a súa ocupación como propiedade do estado, con fundamento no decreto núm. 108 da Xunta de Defensa Nacional de 13 de novembro de 1936, e como consecuencia de todo isto, tal e como figura na certificación rexistral, a Xefatura Superior Administrativa de Responsabilidades Políticas acordou que se inscribise o inmoble e terreos indicados no rexistro da Propiedade a favor do Estado, interesándose inscrición de dominio , e como tal figuraba no Tomo 961, Inscrición 1ª e única do Rexistro da Propiedade de Betanzos.
Rematada a Guerra Civil, e segundo O.M. de 7 de novembro de 1944, decídese a súa adscrición ó Ministerio de Educación, quen á súa vez o adscribe á Universidade de Santiago, segundo consta na acta asinada polo reitor con data 5 de febreiro de 1945, que o destina a Albergue Universitario dependente do SEU.
Xestións para a recuperación
Durante os anos 50 e 60, funcionou como Albergue, no que se desenrolaban actividades propias das Organizacións do Réxime, SEU e Falanxe.
Xa na década dos 70 deixou de ter actividades coñecidas, permanecendo abandonado o edificio, que sufriu un progresivo proceso de deterioro, sendo unha ruína no ano 2001, data na que foi finalmente cedido ó Concello de Bergondo pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado.
A partir dos anos 70 e ata o ano 2000, tanto dende os exiliados e emigrados bergondeses en Nova York como dende o Concello de Bergondo fixéronse tódalas xestións posibles diante dos sucesivos Gobernos do Estado reclamando a devolución dun Patrimonio de gran transcendencia social e histórica para Bergondo inxustamente incautado durante a Guerra Civil.
Finalmente, no 2000, o inmoble “ A Senra” foi cedido pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado ó Concello de Bergondo, co compromiso da súa reconstrución e conversión nun Centro Sociocultural.
A construcción da nova Senra
O primeiro paso estaba dado. Agora tocaba a non menos difícil tarefa da súa reconstrución total.
Redactamos os proxectos, xestionamos e conseguimos a financiación necesaria e executamos as obras.
O resultado está ahí. Agora podemos facer realidade, entre tódolos bergondeses e bergondesas, aquel fermoso soño, truncado en 1936.
Texto redactado polo ex-alcalde deste concello
José Fernández Ramos, Pepín, (1999 - 2008, ano no que faleceu)
A Senra, s.n., 15660 Bergondo | |
981 79 44 35 | |
A Senra |
Información relacionada coa emigración galega a Nova York / New Jersey e a Senra.
- Na páxina web creada polo Profesor David Miranda-Barreiro (Bangor University):
- No blog do Profesor David Miranda-Barreiro (Bangor University):
Archival Work in Galicia (2): First Day in Bergondo. Visiting A Senra | |
Archival Work in Galicia (3). Reconstructing the History of the Society and Center of Instruction and Recreation of Bergondo and its Environment |
Partitura "A Senra", adicada ó pobo de Bergondo polo grupo Alén do Mar
Descargar (980.97 kb)
Ayuntamiento de Bergondo - Carretera A Coruña, 12 15165 - Bergondo (A Coruña)
CIF P1500800F
Telf. 981 79 12 52 - Fax 981 79 42 33