concello de BERGONDO - Xoia das Mari�as

Inicio » #Áreas e Servizos » Cultura » Multiusos A Senra

Multiusos A Senra

A+ A- Impresora - Imprimir Correo - Enviar

As orixes

En 1924 un grupo de emigrantes galegos naturais de Bergondo e residentes en Nova York acordaron constituír unha Asociación que se denominou “Centro de Instrucción y recreo de Bergondo y sus contornos”, rexistrada no Goberno Civil o 17 de decembro de 1926.

Inauguración da Senra, xullo de 1936

Para dar cumprimento ós seus fins de carácter instrutivo, cultural e deportivo, adquiriron a finca denominada “A Senra” de 9.135 m2. Posteriormente, coas achegas económicas dos seus socios e a colaboración desinteresada de moitos bergondeses, levantouse unha edificación dotada de semisoto de 260 m2, baixo de 669 m2 e primeira planta de 408 m2, complexo este que foi inaugurado o día 12 de Xullo de 1936.

A incautación

Trala sublevación militar contra a República o 18 de Xullo de 1936, o complexo foi ocupado por tropas militares franquistas, segundo consta nas actas da Sociedade de 4 de agosto e 12 de setembro de 1936.

Seguidamente abriuse un expediente pola Comisión Central de Bens Incautados e por decreto de 14 de xullo de 1937, acordouse a incautación do edificio e terreos anexos e a súa ocupación como propiedade do estado, con fundamento no decreto núm. 108 da Xunta de Defensa Nacional de 13 de novembro de 1936, e como consecuencia de todo isto, tal e como figura na certificación rexistral, a Xefatura Superior Administrativa de Responsabilidades Políticas acordou que se inscribise o inmoble e terreos indicados no rexistro da Propiedade a favor do Estado, interesándose inscrición de dominio , e como tal figuraba no Tomo 961, Inscrición 1ª e única do Rexistro da Propiedade de Betanzos.

Rematada a Guerra Civil, e segundo O.M. de 7 de novembro de 1944, decídese a súa adscrición ó Ministerio de Educación, quen á súa vez o adscribe á Universidade de Santiago, segundo consta na acta asinada polo reitor con data 5 de febreiro de 1945, que o destina a Albergue Universitario dependente do SEU.

Xestións para a recuperación

Durante os anos 50 e 60, funcionou como Albergue, no que se desenrolaban actividades propias das Organizacións do Réxime, SEU e Falanxe.

Xa na década dos 70 deixou de ter actividades coñecidas, permanecendo abandonado o edificio, que sufriu un  progresivo proceso de deterioro, sendo unha ruína no ano 2001, data na que foi finalmente cedido ó Concello de Bergondo pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado.

A partir dos anos 70  e ata o ano 2000, tanto dende os exiliados e emigrados bergondeses en Nova York como dende o Concello de Bergondo fixéronse tódalas xestións posibles diante dos sucesivos Gobernos do Estado reclamando a devolución dun Patrimonio de gran transcendencia social e histórica para Bergondo inxustamente incautado durante a Guerra Civil.

Finalmente, no 2000, o inmoble “ A Senra” foi cedido pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado ó  Concello de Bergondo, co compromiso da súa reconstrución e conversión nun Centro Sociocultural.

A construcción da nova Senra

O primeiro paso estaba dado. Agora tocaba a non menos difícil tarefa da súa reconstrución total.

Redactamos os proxectos, xestionamos e conseguimos a financiación necesaria e executamos as obras.

O resultado está ahí. Agora podemos facer realidade, entre tódolos bergondeses e bergondesas, aquel fermoso soño, truncado en 1936.

Texto redactado polo ex-alcalde deste concello

José Fernández Ramos, Pepín, (1999 - 2008, ano no que faleceu)




ampliar mapa

A Senra, s.n., 15660 Bergondo

981 79 44 35

A Senra

Artigos relacionados coa emigración galega a Nova York e a Senra.


En: Blog do Profesor David Miranda-Barreiro (Bangor University):

Archival Work in Galicia (2): First Day in Bergondo. Visiting A Senra

Archival Work in Galicia (3). Reconstructing the History of the Society and Center of Instruction and Recreation of Bergondo and its Environment






Concello de Bergondo - Estrada A Coruña, 12 15165 - Bergondo (A Coruña)
CIF P1500800F
Telf. 981 79 12 52 - Fax 981 79 42 33

Icono Accesibilidad AA - WAI Icono XHTML Icono CSS

Problemas técnicos?Aviso legal