Inicio » #Áreas e Servizos » Cultura » Festas e eventos locais » Festival Folk de Guísamo
Datos xerais
Evento anual que se celebra no antigo campo da feira da parroquia bergondesa de Guísamo. Neste festival teñen cabida músicas tradicionais, folk, de raices, fusión, etc....
O campo da feira é un lugar inmellorable para pasar o día en familia. Xa a partir do mediodía comeza a chegar a xente para compartir unha xornada de confraternidade, misturando ocio, cultura e actividades lúdicas como xogos populares e infantís, obradoiros, espectáculos de maxia, etc.
O festival está organizado polo propio concello e conta coa colaboración de asociacións, Protección Civil, Cruz Vermella e o Consorcio As Mariñas. Moitas das edicións foron patrocinadas pola Deputación Provincial da Coruña, Xunta de Galicia e GADIS.
Un pouco de historia
As orixes do Festival folk de Guísamo remóntanse a finais da década de 1970, cando un grupo de xóvenes, entre os que se contaba o exalcalde José Fernández Ramos, Pepín, organizaron un festival de música tradicional, para o fomento do folclore galego e en xeral a cultura da nosa terra.
Ata o ano 1986 pasaron por Bergondo artista galegos punteiros naquela época, como Milladoiro, Saraibas, Pablo Quintana, Suso Vaamonde e A Roda, entre outros.
É destacable o carácter gratuíto que desde sempre tivo este Festival. Ofrecer actuacións de calidade supoñía para o seu comité organizador un grande esforzo económico. Grazas ás achegas por parte do concello e outros organismos públicos e privados este evento mantívose en pe durante case unha década.
Precisamente a súa desafortunada desaparición foi debida principalmente a motivos económicos, xa que o orzamento total durante este período acadaba cifras bastante elevadas para o que entón se soía destinar a acontecementos culturais.
Dende o ano 2000 o Goberno municipal de Bergondo, motivado polaidea de recuperar esta memoria histórica, impulsou directamente a organización dun novo evento cultural de primeira orde que recollera a testemuña da anterior edición do Festival Folk.
No 2017 cumpríronse polo tanto 18 edicións continuadas, a pesar de que nos últimos anos a crise económica afectou tamén a este evento.
O Festival Folk de Guísamo en Bergondo é pois, un referente cultural a nivel comarcal e provincial.
Artistas que pasaron polo festival
Algúns dos mellores nomes da música folk mundial actuaron en Bergondo nestes últimos 20 anos. Aquí vai unha mostra: Luar na Lubre, Gwendal, Mercedes Peón, Lúnasa, Oskorri, Susana Seivane, Cristina Pato, Celtas Cortos, Berrogüetto, A Roda, Tejedor, Os Cempés, Macfeck, Xabier Diaz & Adufeiras de Salitre, Nuevo Mester de Juglaría, Ávalon, Roi Casal, Radio Cos, Kepa Junkera & Sorginak, Asturiana Mining Company, Braht, Triquel, Balakandra, Alén do Mar, Birimbao, Aïsha, The Tannahill Weavers, Guadi Galego, Óscar Ibáñez & Tribo, MIlladoiro, etc.
Lugar de Pedras Brancas, parroquia de Guísamo | |
981 79 12 52, ext. 4 | |
Festival Folk de Guísamo |
Carteis do Festival, 2000-2016 (miniaturas)
Descargar (439.74 kb)
Concello de Bergondo - Estrada A Coruña, 12 15165 - Bergondo (A Coruña)
CIF P1500800F
Telf. 981 79 12 52 - Fax 981 79 42 33